Avante LGBT+ conta cun grupo de traballo específico de saúde sexual composto por profesionais da medicina, sexoloxía, enfermería e expertas en saúde sexual. Podes poñerte en contacto connosco para calquera tipo de consulta en avantesaudesex@gmail.com ou consultar o material de divulgación elaborado polo grupo nesta sección da web.
Fanzine
Fanzine 1: Saúde sexual integral
Guía de saúde sexual elaborada polo grupo de traballo específico de Avante LGBT+ composto por expertas na cuestión. Aborda a saúde sexual desde unha perspectiva empoderante e non estigmatizante.
Probas de ITS
Para facer unha analítica completa de ITS podes solicitarlla á tua médica de cabeceira, que che dará un volante para extracción en enfermaría. Cando acudas á túa cita de extracción collerán varios tubos de sangue e tamén mostras de ouriños, e daránche unha cita presencial ou telefónica para pasadas un par de semanas na que che darán os resultados.
Cando solicites as analíticas, a túa médica pode facerche unhas preguntas sobre as túas prácticas sexuais recentes. Isto débese a que se tiveches prácticas de risco moi próximas á extracción, é posible que o resultado sexa un falso negativo, polo que é información relevante para determinar canto debes esperar antes de facer a analítica. Porén, hai persoal sanitario que polos seus prexuízos machistas e LGBTfóbicos poden poñer trabas que non son xustificables, o cal é denunciable posto que estarían a vulnerar o teu dereito á saúde e á dignidade. Se te atopas nesta situación podes contactar connosco e botémosche unha man denunciando a situación.
No caso de que por calquera motivo non te sintas cómoda pedíndolle unha analítica de ITS á túa médica de cabeceira, hai hospitais como o Álvaro Cunqueiro de Vigo que ofrecen a posibilidade de solicitar alí directamente a analítica sen mediar derivación.
Se o que che interesa non é unha analítica xeral senón só unha proba de VIH, contas con moitas máis opcións. Podes consultar as entidades que realizan a proba rápida de VIH nesta ligazón.
Vacinas
VPH:
Na actualidade a vacina para o Virus do Papiloma Humano está cuberta polo SERGAS para distintos colectivos. Desde o ano 2008, as mozas de 14 anos teñen esta vacina incluída na súa cartilla de vacinación. Homes que teñen sexo con homes (HSH) e mulleres trans teñen dereito a solicitar a vacina de maneira gratuíta se son menores de 43 anos. Podes ler máis sobre o VPH nesta ligazón.
Variola do mono:
Neste momento está a dispensarse a primeira dose da vacina para a Variola do Mono nos hospitais galegos, podes ler máis sobre como solicitala na seguinte ligazón.