Somos persoas LGBT+ que nos organizamos para loitar contra o patriarcado e a cisheteronorma, creando unha Galiza feminista a prol da liberdade sexual e de xénero.
Un pouco de historia: de Queerpostela ao nacemento de Avante LGBT+
Avante LGBT+ nace na localidade de Santiago de Compostela no ano 2017. As fundadoras formaban parte dun colectivo chamado Queerpostela, que se reunía periodicamente para ler artigos formativos e debatelos en común. Chegado o mes do orgullo e sendo conscientes de que ninguén iba organizar ningunha mobilización, as compañeiras de Queerpostela deciden facelo pola súa conta acadando un enórme éxito de convocatoria, sendo a maior manifestación do orgullo de toda a década na capital de Galiza. Despois dun longo debate decidiuse constituir unha organización desde a que loitar en defensa dos dereitos do colectivo LGBT+, pulando pola auto-organización e a formación como principais ferramentas de loita. Así, en setembro do mesmo ano realízase a asemblea fundacional na facultade de filosofía da USC, acadando unha asistencia de máis de 100 persoas e tendo que quedar xente fóra por falta de espazo.
Comezamos con asembleas todas as semanas, e unha vez que se foi normalizando o traballo baixamos a regularidade a unha vez cada dúas semanas. Aos poucos meses de comezar a actividade xa recibiramos mensaxes de todos os puntos de Galiza querendo participar da nosa organización, co cal comezamos un proceso de expansión organizativa que levou a constitución das localidades de Vigo e Ferrol, pouco máis tarde Pontevedra e A Coruña, e xa a finais do ano 2019 tamén Lugo e Ourense, acadando a representación nas 7 cidades galegas.
Principios ideolóxicos e orgánicos
Avante LGBT+ é unha organización que se fundamenta nuns sólidos principios ideolóxicos que dirixen a nosa actividade. Na nosa Tese Política, un documento de libre acceso cuxa lectura é recomendable para toda nova membro da organización, defínense os nosos posicionamentos políticos e ideolóxicos de xeito detallado. Na base, somos unha organización que loita contra o patriarcado, o capital, o imperialismo e a cisheteronorma co obxectivo final de crear unha Galiza feminista, na cal exista unha total liberdade sexual e de xénero.
Con este fin fundamentamos o noso traballo nuns principios organizativos, desenvolvidos na nosa Tese Organizativa, e que poden ser enunciados do seguinte xeito:
• A nosa estrutura é asemblearia e horizontal.
• As Asembleas Comarcais contan con autonomía organizativa total dentro do marco que definen as teses da organización.
• Traballamos segundo unha liña única de actuación consensuada, sen nunca reprimir nin minusvalorar ás discrepancias internas.
• As liñas de traballo orgánico nacen do debate libre e da democracia interna.
• Respéctase, recoñécese e valórase a pluralidade de opinións e correntes dentro dos principios da organización.
• Taballamos para ser un espazo de seguranza para todas as nosas integrantes.
• Cremos na auto-organización das oprimidas sen depender de persoas alleas ás nosas vivencias para loitar pola nosa liberación, polo tanto declarámonos non-mixtas.
• Non estamos vinculadas a ningún partido político ou entidade de ningún tipo, somos unha organización independente. Isto non implica non ter relación con estas institucións nin facer traballo común de ser preciso.
Por que LGBT+?
A importancia e significancia das siglas no noso colectivo non carece de debate, por iso, a elección destas siglas non podía ser fortuíta nin aleatoria entre todas as variantes que poden verse a día de hoxe. Despois dun longo e profundo debate que comezou na nosa asemblea fundacional e se revisitou na 1ª e 2ª Asembleas Nacionais, chegamos á designación das siglas LGBT+ como coas que nos identificamos. Foi nesta, a nosa 2ªAN na que decidimos engadir o símbolo “+” ao final do acrónimo có fin de representar a todas aquelas persoas que non se sintan identificadas coas etiquietas lesbiana, gay, bisexual ou trans mais que tamén tamén son vítimas diretas da opresión que esta sociedade xera en base á diversidade de xénero e de orientación sexual. A orde dos caracteres tamén cobra importancia, xa que o uso doutras variantes como
LGTB só ten presenza relativa en España, desouvindo a tendencia xeral fóra do Estado e nas nacións sen estado como Catalunya, Euskadi ou Galiza, na cal se prefire situar o B precedendo ao T. Esta diverxecia ten causas históricas, sendo a súa raíz a non aceptación das persoas bisexuais como parte integral da Federación Estatal de Lesbianas, Gais, Transexuais e Bisexuais (naquel tempo só FELGT) ata o ano 2007. Neste ano, a entidade engade por fin a letra B ao seu acrónimo, mais faino na última posición, promovendo así o uso de LGTB en todas as instancias no estado español, en especial entre o activismo máis institucionalizado así como no ámbito administrativo.